Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Doce persoas resultaron feridas de diversa consideración nunha colisión que implicou a catorce vehículos na autovía na Cañiza

Unha das persoas foi excarcerada polo GES-SPEIS de Ponteareas. Os implicados foron evacuados a  diversos centros hospitalarios polos servizos sanitarios, que tamén desprazaron ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. 

O  112 Galicia tivo constancia do acontecido a través do sistema de aviso de emerxencia dun dos vehículos accidentados (E-Call), contra as 13:45. Diversos particulares contactaron nos instantes posteriores para aportar máis datos: o sinistro, no que se viron implicados catorce vehículos, produciuse no quilómetro 275 da A-52, na parroquia de Parada das Achas e en sentido Ourense. 

Xa desde un primeiro momento apuntábase que varias persoas resultaran feridas, e unha muller permanecía atrapada no seu vehículo. Á vez, outros condutores informaban de importantes retencións no punto.

Entón, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES-SPEIS de Ponteareas, dos GES de Ribadavia e Avión, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da autovía. 

Os efectivos do GES-SPEIS actuaron rapidamente para liberar á muller, que foi atendida polos servizos sanitarios xunto con outros once implicados. 

Accidente nos carrís sentido Vigo
Na mesma zona do anterior e só cinco minutos despois, pero en sentido Vigo, rexistrouse outro sinistro. O único turismo accidentado chocou contra a barreira quitamedos, aínda que a persoa puido saír polos seus propios medios e non requiriu asistencia sanitaria. 

No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES-SPEIS de Ponteareas, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.

facebook twitter instagram