Escoitar
mércores, 5 Xuño, 2019

Aparece no interior dun pozo o corpo sen vida dunha nonaxenaria que a Garda Civil buscaba desde onte en Ortigueira.

O achado produciuse esta tarde despois de varias horas de busca, na que se empregaron os drons da Axencia Galega de Emerxencias, diversos recursos terrestres e aéreos das forzas da orde e os cans de rescate da Asociación Galega de Salvamento.

Con todo, a muller, duns 90 anos de idade, apareceu sen vida no interior dun pozo, do que foi rescatada por un equipo dos Bombeiros de Ferrol co apoio dos membros do GES de Ortigueira. 

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición mediante unha chamada de alerta da Garda Civil, na que solicitaban a colaboración dos membros do GES para participar na busca dunha veciña da parroquia de Freire da que nada sabían desde a cinco da tarde de onte.

Co paso das horas, uníronse ao operativo o equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias e tamén os cans de rescate da Asociación Galega de Salvamento, pero foi pasadas as tres desta tarde cando o operativo deu cun cadáver no interior dun pozo que pensaban podía corresponder á muller desaparecida. Unha vez que os bombeiros efectuaron o rescate, confirmaron as sospeitas.