Escoitar
xoves, 14 Outubro, 2021

Un home apareceu falecido, esta mañá, no interior dun vehículo somerxido no mar, en Ponteceso.

Pasadas as 11:30 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa que vía un vehículo na auga, preto do porto da praia de Balarés, e que descoñecía se podía haber xente dentro do mesmo.

Nese momento, os xestores do Centro integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle aviso ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Carballo e aos membros do GES e de Protección Civil de Ponteceso. Ademais, tamén se lle facilitaron os datos á Garda Civil, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Minutos despois, xa no lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que un buzo que se atopaba nunha embarcación pola zona lles trasladaba que había un varón falecido no interior do vehículo.

Arestora, un equipo de buzos do GEAS da Garda Civil atópase no lugar para proceder coas tarefas de rescate do corpo.