Imaxe escoitar Escoitar
mércores, 18 Setembro, 2019

Os Bombeiros de Xinzo traballaron arreo para atallar as lapas que se propagaron nunha nave de polos situada en Couso de Limia, na estrada OU-531, no concello de Sandiás. Segundo informaron, tratouse dunha nave en construción, sen actividade, polo que non había animais no seu interior. Tampouco, por fortuna, houbo que lamentar danos persoais.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do incendio, ao redor das 14:00 horas deste mediodía, cando varios particulares informaron da presenza de fume e de lapas na zona.

A partir de aí, os xestores de emerxencias puxeron en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Xinzo, Garda Civil, Policía Local, efectivos de Protección Civil da localidade e de Xinzo de Limia. Ademais, foron alertados por se fose precisa a súa intervención os Bombeiros de San Cibrao e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como, o persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.  

Finalmente, unha vez rematadas as tarefas de extinción e arrefriada a zona, os Bombeiros comunicaron que a nave, en construción, ardera na súa totalidade e que parte do teito se derrubara.

facebook twitter instagram