Escuchar
martes, 10 Setembro, 2019

Un incendio calcinou esta madrugada un alpendre situado no lugar de Riosubil, na localidade lucense de Baralla.

Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, sen embargo, as lapas calcinaron un tractor, un motocultor, distinto material de labranza e varios fardos de herba seca que se almacenaban no seu interior. Así o indicaron os Bombeiros de Sarria e os membros do GES de Becerreá, nada mais rematar coas tarefas de extinción.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do lume, ao redor das 03:00 horas desta madrugada. O alertante, aseguraba que non había persoas afectadas pero que as lapas podían propagarse á casa do carón. Foi a partir dese momento, cando os xestores do 112 puxeron axiña en alerta aos Bombeiros, ao GES e á Garda Civil.

Incendio nunha vivenda
Media hora antes, sobre as 02:30 horas, tamén o 112 Galicia recibía a chamada dun alertante que informaba dun incendio nunha casa situada no Camiño do Pazo, no concello de Taboadela (Ourense).

Ao igual que no caso anterior, os alertantes aseguraban que tampouco había persoas afectadas, trataban de apagar o lume que pensaban que se producira por mor do cabreado.

Ata o lugar, desprazáronse nada mais ser alertados polo 112 Galicia os Bombeiros de San Cibrao, os membros do GES de Pereiro de Aguiar e a Garda Civil. Ademais, os xestores de emerxencias informaron da situación ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por si fose precisa a súa intervención nalgún momento. Por fortuna, non tiveron que intervir.

Tras extinguir o lume e arrefriar a zona,  os servizos de extinción confirmaron que se trataba dun casa composta por un baixo e un andar, o que ardeu na súa totalidade. O teito da vivenda foi derruído a causa das lapas poñendo en risco de derrube a edificación. Ademais resultaron afectadas polo lume as vigas das casas lindeiras.

Incendio nun lavado de coches
Por outra banda, tamén esta madrugada, sobre as 02:00 horas, un particular chamou ao 112 Galicia para alertar dun incendio nun garaxe dedicado ao lavado de coches, situado na Avenida de Santiago, en Ourense.

De inmediato, desde  o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros da cidade que saíron ao punto decontado. Así mesmo, púxose en alerta aos servizos sanitarios, aos axentes da Policía Local, Nacional e ao servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Unha vez extinguido o lume, os Bombeiros confirmaron que unicamente ardeu unha moto e que as lapas afectaran a un coche situado nun elevador.

A estrutura da nave non se viu afectada.