Un incendio nunha vivenda no lugar do Rosal, no concello de Oímbra, en Ourense, calcinou parte do falso teito do inmoble e afectou a dúas outras estancias sen, afortunadamente, causar danos persoais.
Os feitos tiveron lugar ás 21:45 horas cando os Bombeiros de Verín contactaron co 112 Galicia para informar dun lume no tellado dunha casa localizada na parroquia de Santa María de Oímbra.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil e, por precaución, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Unha hora mais tarde, os equipos de extinción daban por finalizadas as tarefas de control do lume e confirmaban ao 112 que soamente houbo que lamentar danos materiais.