Escuchar
mércores, 1 Abril, 2020

Un incendio arrasa por completo unha vivenda en Sobradelo, Vìlagarcía.

Por fortuna, ninguén resultou ferido, pero os traballos de extinción estendéronse durante esta madrugada debido aos importantes danos causados polo lume.

De feito, os bombeiros confirmaron que colapsou o tellado da vivenda, que quedou completamente arrasada polo incendio. 

Todo comezou ás tres desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu unha alerta a través dos servizos sanitarios de urxencia, malia que ninguén necesitou asistencia médica. Os ocupantes abandonaron o inmoble e puxéronse a salvo en canto se decataron do incendio.

Pola súa parte, os Bombeiros de Vilagarcía, coa colaboración do persoal do servizo local de emerxencias, ocupáronse de sufocar o lume, que rematou por calcinar na súa totalidade a vivenda e provocar o colapso do tellado. Esta situación motivou que os efectivos de extinción traballaran ata as primeiras horas do día neste incendio.

Finaliza o incendio da nave de rotulación de Viveiro
Ademais, arredor das oito da tarde de onte, deuse por finalizado o incendio da nave de rotulación de Viveiro que, do mesmo xeito, resultou completamente calcinada. Salváronse as oficinas, pero, aínda así, sufriron os efectos do intenso fume. 

Cómpre lembrar que este incendio comezou pasadas as dúas da tarde de onte e mantívose controlado pero activo ata case as oito da tarde. Foron horas de traballo que afrontaron os Bombeiros de Viveiro coa colaboración dos membros do distrito forestal da zona e os membros do GES de Cervo.

Tampouco neste incendio houbo que lamentar danos persoais.