Escoitar
venres, 16 Marzo, 2018

Un incendio declarado nunha nave de material agrícola na Pastoriza provocou danos no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume calcinou un tractor, parte do teito e as oficinas do local.

Os feitos ocorreron no lugar de Azougo, na parroquia de Bretoña, ao fío das 14:35 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular na que relataba que vía saír fume dunha empresa de material agrícola e escoitaba explosións. Engadía no seu relato que ningunha persoa se atopaba ferida.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informábase do incendio aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil e a Protección Civil de Meira.

Incendio nunha igrexa en Valga
Por outra banda, en Valga, o lume calcinou a porta da igrexa de San Miguel. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través do aviso do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga ás 14:40 horas.

Acto seguido, o persoal do CIAE pasaba o aviso aos Bombeiros de Vilagarcía, á Policía Local e á Garda Civil.

Unha vez no lugar do incendio, os membros do GES sufocaron o lume e os bombeiros colaboraron nas tarefas de ventilación do templo. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Polo momento, descoñécense as causas que provocaron as lapas.

facebook twitter