Escoitar
luns, 10 Maio, 2021

Un incendio orixinado nun tractor, a pasada noite, estendeuse polo interior dunha das naves dunha explotación gandeira e provocou a súa calcinación, en Xinzo de Limia.

O 112 Galicia tivo constancia do feito mediante as chamadas de varias persoas particulares arredor das 23:00 horas. A información que facilitaron foi que se vía saír fume do interior dunha das naves dunha granxa situada na estrada que une o Polígono Industrial da localidade co lugar de Baronzás.

Nese mesmo momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros de Xinzo, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros de Protección Civil.

Poucos minutos despois, a dotación de Bombeiros desprazada ata o punto confirmou que o lume afectaba a unha das naves pertencente a unha granxa de becerros e que todos os animais estaban fóra das instalacións, sen correr perigo. Ademais, engadiron que o incendio, iniciado nun tractor, afectou a bastante maquinaria agrícola do interior da edificación.

Para dar apoio ás labores de extinción do lume, no lugar, desde o CIAE-112 tamén se informou aos Bombeiros de Verín e á Central Provincial de Incendios de Ourense.

Finalmente, os Bombeiros de Xinzo confirmaron ao 112 Galicia que ardeu case por completo a totalidade da nave, exceptuando a parte de resgardo do gando, xunto a tres tractores e diversa maquinaria almacenada no seu interior.