Escoitar
luns, 19 Agosto, 2019

Un incendio nun serradoiro de madeira situado en Mosende, no Porriño, mobilizou a tarde pasada aos servizos de emerxencia.  

Faltaban dez minutos para as 20:30 horas cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia era alertado por un particular do incendio. Indicaba que saía moito fume dunha nave. Foi a partir de aí, cando desde o 112 Galicia se puxo en alerta aos Bombeiros do Porriño, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil. Neses intres, a Policía Local solicitaba tamén ao 112 Galicia a saída dos Bombeiros. Debido á magnitude que puidese alcanzar o lume, os xestores de emerxencias, por precaución, puxeron en alerta aos Bombeiros de Vigo e ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao lugar unha ambulancia. Afortunadamente, non foi precisa a súa intervención.

Tras apagar as chamas, os profesionais de extinción do Porriño confirmaron que ardeu unicamente a cortiza da madeira que se almacenaba nun cuberto anexo a unha nave. Engadiron, ademais, que o lume pasara a unha máquina sen que afectase a nada mais.

O persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foi informado do suceso polo 112 Galicia.

facebook twitter instagram