Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 14 Febreiro, 2019

Varias persoas tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios de urxencia, entre elas un bombeiro e un policía, tras incendiarse un almacén da entreplanta do edificio localizado na Rúa de Cánovas del Castillo, en Vigo.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia, ao redor das 00:45 horas de hoxe para alertar dos feitos. Segundo se informou ao CIAE 112, as escaleiras estaban cheas de fume, o que dificultaba a visibilidade e entorpecía o acceso á saída.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención do 061-Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén, se pasou aviso aos voluntarios de Protección Civil da localidade por si fose necesaria a súa intervención.

Tras rematar as labores de extinción, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vigo, que desprazaron ao lugar varias dotacións, confirmaron que se tratou dun incendio nun almacén que gardaba mobles, roupa e materiais diversos. Segundo indicaron, algunhas das habitacións do hotel foron desaloxadas por precaución.

Afortunadamente, non houbo que lamentar feridos de consideración xa que os servizos sanitarios atenderon ás persoas no punto sen a necesidade de traslado.

Unha vez extinguido o lume, os hóspedes puideron volver ás súas habitacións con total normalidade.

facebook twitter instagram