Escoitar
sábado, 16 Outubro, 2021

Aparece sen vida o corpo da muller desaparecida no lugar de Morgallón, no concello lucense de Foz.

Foi unha persoa particular quen localizou o cadáver, nunha zona de monte, no lugar da Lousada, nas proximidades da parroquia de San Xiao de Nois.

O alertante chamou ao 112 Galicia ao fío das 12:15 horas deste mediodía para informar da situación e solicitar a intervención dos equipos de emerxencia que se desprazaron de contado ata o lugar.

Así, nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 pasaron aviso ao equipo de urxencias médicas, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Deste xeito, preto das seis horas desta tarde, as forzas da orde confirmaron ao 112 Galicia que a identidade da vítima se correspondía á da muller que se buscaba en Foz.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento deste suceso, o pasado tres de outubro, cando un familiar alertou da súa desaparición. Así, tras recibir a solicitude dos axentes da Garda Civil, que desde o primeiro momento coordinaron a busca, a Axencia Galega de Emerxencias puxo en marcha un dispositivo formado por un  equipo especializado no manexo dos drons, que actuou na zona onde a desaparecida foi vista por última vez.

Ademais, compre sinalar que no operativo tamén participaron os Bombeiros de Barreiros, os membros do GES de Cervo, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (Ferrol) e os efectivos de Protección Civil de Foz.