Imaxe escoitar Escoitar
sábado, 23 Xullo, 2022

O corpo sen vida do pescador desaparecido o pasado mércores na zona de Cabo Prioriño, en Ferrol, foi encontrado por mergulladores na tarde de hoxe. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada de alerta do equipo de Salvamento Marítimo.

Segundo a información facilitada ao 112 polos equipos de intervención que se atopaban no lugar da busca, ao fío das 18:45 horas, mergulladores encontraron o corpo do pescador e, coa axuda das embarcacións dos socorristas da zona e da Cruz Vermella, efectuaron o seu traslado ata o peirao interior de Ferrol.

Para levar a cabo o rescate foi necesaria a acción coordinada entre os distintos equipos de emerxencia, marítimos e terrestres. Polo tanto, ata o lugar desprazáronse tamén os Bombeiros de Ferrol, ben como os axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil da cidade.

Cómpre indicar que foi un familiar do pescador quen, ás 16:00 horas do pasado mércores chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda para o varón, que desaparecera despois de saír a pescar.

facebook twitter instagram