Imaxe escoitar Escoitar
xoves, 11 Agosto, 2022

Un home foi atopado sen vida no interior dunha casa afectada por un incendio no concello coruñés de Tordoia.

A vítima foi localizada por uns veciños, que acudiron ao domicilio tras darse conta que a casa, situada no lugar da Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros, estaba tomada por unha intensa fumareda.

Segundo indicaron ao 112 Galicia as testemuñas que acudiron ao lugar, o ocupante do inmoble era un varón septuaxenario. Foron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 os que chamaron ao 112 para solicitar a intervención das forzas da orde despois de recibir un aviso por parte dos veciños da localidade ao fío das 08:45 horas da mañá de hoxe.

Así, para prestar apoio ao equipo médico e coñecer as circunstancias do suceso, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Igualmente, púxose o suceso en coñecemento dos Bombeiros de Ordes, aínda que, finalmente, non foi precisa a súa colaboración posto que as lapas, que consumiron un armario, un moble auxiliar e algo de roupa de cama, foron apagadas polos propios veciños.

facebook twitter instagram