Escoitar

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) deu por finalizado o período de escoita activa á cidadanía, a fin de mellorar e atopar un equilibrio entre as demandas dos usuarios e os estándares de calidade requiridos para garantir unha xestión responsable das situacións de emerxencia.

Así, os resultados das enquisas amosan o importante interese da cidadanía pola calidade da atención en casos de urxencia: a rapidez e a precisión, a adecuación dos equipos e ferramentas tecnolóxicas, ou o feito de personalizar e facilitar o acceso ao servizo (tradución simultánea, discapacidade na audición e na fala…) son algunhas das cuestións que máis preocupan aos cidadáns.

Por outra banda, hai que destacar o valor e o sentido da responsabilidade que semella mostrar o groso da cidadanía ao marcar coma unha das principais prioridades o uso responsable do número 1-1-2 e, por outra banda, ao estimar as canles de comunicación da Axega como unha fonte fiable de datos en caso de emerxencia.

Considerando a evolución das prioridades dos cidadáns ao longo dos últimos anos, obsérvase un importante incremento do interese pola interacción, é dicir, por obter resposta ás consultas e queixas sobre o servizo.

Estes resultados, produto dunha época na que a tecnoloxía ocupa o centro da vida de toda a sociedade, mostran un interese en aumento por un servizo cada vez máis rápido e personalizado.