Escoitar

O organismo autonómico encargado da xestión das emerxencias abre un período de escoita activa co fin de adecuar os servizos do 112 Galicia ás demandas dos usuarios

Así, as persoas interesadas en participar deben acceder a este cuestionario para expresar o seu grao de interese e satisfacción, así como a importancia dos servizos ofrecidos no 112 Galicia

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) impulsa a promoción dunha consulta cidadá para mellorar e adaptar ao momento actual o catálogo de servizos do 112 Galicia.

O servizo autonómico de utilidade pública para a xestión das emerxencias inicia así un período de escoita activa co que se pretende axustar o conxunto de traballos, actividades e labores desenvolvidos no 112 Galicia ás demandas dos usuarios.

Con este fin, as persoas que desexen participar deben acceder a este cuestionario, que consta de apenas dez preguntas coas que se pretende coñecer o nivel de interese e satisfacción da cidadanía, así como a importancia que lle concede ao 112 Galicia.

Cómpre lembrar que o Servizo 112 de Galicia obtivo o recoñecemento no tratamento da súa actividade cos certificados adquiridos, como garantía dunha xestión responsable das emerxencias para os usuarios.