Escuchar
martes, 31 Marzo, 2020

Os efectivos de extinción manteñen controlado o incendio que afecta a unha nave de rotulación situada no concello lucense de Viveiro.

Por fortuna, ninguén resultou afectado a causa do lume e os danos materiais están por avaliar, pois na zona seguen traballando os equipos de emerxencias.

De feito, é a carga térmica acumulada no interior das instalacións, fundamentalmente plásticos, o que está a dilatar estas tarefas de extinción.

Cómpre sinalar que se trata dun incendio que comezou sobre as 14:30 horas da tarde, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para alertar. A partir de aí, activouse un operativo do que formaron parte os Bombeiros de Viveiro, os axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil e ao ques e sumaron os membros do GES de Cervo e o persoal do servizo de extinción de incendios forestais da zona debido á proximidade da nave co monte e á necesidade de máis auga para sufocar o lume.

Tamén se desprazou un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que ninguén necesitou asistencia médica.

No lugar do incendio, segue, arestora, parte deste operativo, aínda que contan con ir liberando máis medios nas próximas horas.

Outro incendio baixo control en Ferrol
Por outra banda, no Porto Exterior de Ferrol, produciuse un incendio nunha pira de carbón que xa está baixo control. A Autoridade portuaria confirma que ninguén resultou ferido nin tampoco hai instalacións, vehículos ou outras estruturas afectadas. Segundo indicaron, o lume comezou por un efecto de autocombustión e, arestora, persoal de Endesa traballa con pas para a completa extinción do lume. 

Igualmente, indicaron que o incendio comezou arredor das dúas da tarde e que, ata este momento, bastan os medios do Porto para facer fronte á situación.

Arde a planta alta dunha casa na Guarda
Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro incendio, neste caso urbano, que arrasou por completo a planta alta dunha vivenda unifamiliar situada en A Londra, na Guarda.

Tampouco neste caso houbo que lamentar vítimas, pero si os danos materiais provocados no baixo cuberta da casa onde gardaban roupa e outras pertenzas.

Foi un veciño quen ás dúas desta tarde deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia. Nese momento, púxose en marcha un operativo no que participaron os Bombeiros do Baixo Miño, así como os membros do GES de A Guarda e os axentes da Garda Civil.

Co fin de refrixerar a zona e retirar os danos provocados polo lume, os efectivos do Parque de Bombeiros do Porriño continúan traballando no punto. Segundo indican, o incendio puido producirse por un problema na cheminea dunha estufa.