Alertas activas:

Escoitar

Aínda que o frío xa se instalou en gran parte da comunidade, moitos de nós poderíamos non estar preparados aínda para a chegada do inverno, unha estación marcada polas baixas temperaturas e a inestabilidade meteorolóxica.

Con estas características é importante realizar un esforzo para previr e evitar riscos propios deste período. Por iso desde o 112 Galicia asesorámosche para que este inverno sexa o máis seguro posible. A prevención dentro do fogar é moi importante, e algunhas das labores que podemos levar a cabo son:

  • Limpar as baixantes e inspeccionar o tellado da vivenda
  • Revisar e adecuar a cheminea
  • Asegurarnos de que o sistema de calefacción funciona adecuadamente.

Este último aspecto é moi importante para evitar accidentes ou intoxicacións por monóxido de carbono, un gas que podería ser letal e escapa completamente aos nosos sentidos. Os síntomas máis comúns de intoxicación por este gas son:

  • Mareos
  • Dor de cabeza
  • Malestar estomacal e/ou vómitos
  • Dor de peito e de cabeza.

Se detectas estes indicios a ventilación é clave, á vez que abandonar o lugar. Tamén pode ser unha boa medida de prevención instalar detectores na casa.

Tamén cómpre ter moito tino no exterior, onde os termómetros nos sorprenderán moitas veces con valores baixo cero. Isto derivará en neve, xeo e frío, polo que temos que estar preparados, xa sexa como peóns ou como condutores.

  • Se vas saír a rúa faino ca roupa axeitada, é recomendable usar moitas prendas lixeiras e folgadas
  • Tamén é mellor que se faga nas horas centrais do día, cando a temperatura é máis agradable
  • Asegúrate de levar calzado antiescorregante, xa que evitará caídas en zonas esvaradías
  • Extrema a precaución á hora de camiñar e evita facelo por zonas sombrías

O recomendable nestas datas debido á climatoloxía é utilizar o transporte público para os teus desprazamentos. Se aínda así decides coller o teu coche, debes prestar atención a algunhas recomendacións:

  • Se vas a viaxar, evita facelo solo
  • Intenta ter sempre o depósito de combustible cheo
  • Revisa previamente o estado das estradas
  • Evita conducir de noite, os perigos son máis difíciles de detectar
  • Antes de saír revisa o estado dos freos, pneumáticos e sistemas de alumeado, así como o líquido anticonxelante
  • Se a situación o require, emprega as cadeas do coche
  • Conduce lentamente, con suavidade e a unha marcha reducida, sen facer cambios bruscos, asegúrate tamén de manter unha distancia de seguridade entre vehículos
  • Ante a baixada das temperaturas, o máis recomendable sería gardar o vehículo nun garaxe ou baixo cuberto, ás veces non é posible, por iso unha rasqueta é esencial para axudar a eliminar o xeo do parabrisas e das ventás do vehículo.

E por último, somos conscientes de que son momentos para celebrar e saír de festa cos nosos seres queridos. Iso si: sempre con sentidiño. Beber e conducir son dúas palabras que non se levan ben entre elas. Se xa debemos evitar, baixo calquera circunstancia, poñernos ao volante tras probar o alcol, hai que prestar especial atención nunha época que concentra un importante número de festividades, entre as que se inclúen as ceas de empresa

Se vas celebrar as festas con alcol, busca alternativas seguras para os desprazamentos.

E ante calquera emerxencia, non o dubides, chama ao 112.

facebook twitter instagram