Imaxe escoitar Escoitar

Evacúan unha nave industrial de Moaña ao declararse un incendio

Un incendio declarado esta tarde nunha nave industrial do concello de Moaña obrigou a evacuar a todos os seus empregados. Segundo os primeiros datos, ninguén resultou ferido.O 112 Galicia tivo constancia do incendio ás 18:00 horas desta tarde. A nave sitúase no lugar de Verdeal, na parroquia de Domaio. O lume comezou nunha estancia situada na parte alta do inmoble, nunha sala na que se manipulan compostos químicos. Nese espazo tamén hai un tanque de amoníaco. Así e todo, polo de agora descoñécese a orixe do lume. O persoal do CAE 112 Galicia alertou decontado aos Bombeiros do Morrazo, de Vigo, do Baixo Miño e do Salnés-Ribadumia, que enviaron dotacións ao lugar. A esta hora todos os efectivos seguen a traballar nas tarefas de extinción. O 112 Galicia tamén puxo todos estes datos en coñecemento da Policía Local, de Protección Civil e da Garda Civil. O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias está xa en situación de alerta por se nos vindeiros minutos se solicita a súa intervención. Na zona arestora hai unha intensa fumareda, visible dende varios puntos da comarca. O fume tamén podería complicar a circulación nalgunha estrada da zona, como na AP-9. Un condutor que circulaba por esa autoestrada xa contactou co 112 Galicia para informar de que na contorna da Ponte de Rande o fume está a dificultar a visibilidade. Por esa razón, o 112 Galicia tamén alertou aos efectivos de conservación desa vía e á Garda Civil de Tráfico.

 

Cinco coches implicados nunha colisión en Oza-Cesuras

Cinco coches víronse implicados esta tarde nunha colisión múltiple rexistrada no concello coruñés de Oza-Cesuras. Ningunha persoa resultou ferida. O sinistro produciuse na parroquia de Porzomillos, na estrada que une Curtis con Betanzos. Un particular contactou cos profesionais do 112 Galicia ás 15:30 horas de hoxe. Explicou que na colisión se produciron diversos danos materiais. O CAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico. 

facebook twitter instagram