Imaxe escoitar Escoitar

Morre unha persoa nun bar de Narón ao atragoarse

Unha persoa faleceu nun céntrico bar de Narón tras atragoarse. Os feitos tiveron lugar a última hora da tarde de onte, nun establecemento situado na Avenida de Santa Icía.

O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 20:15 horas da pasada tarde, a través da alerta de Urxencias Médicas. O persoal da central de emerxencias do 112 alertou á Policía Local e á Policía Nacional.

Os efectivos sanitarios desprazáronse ata o punto nunha ambulancia, aínda que nada puideron facer por salvarlle a vida á vítima. Ata o bar no que se produciu o falecemento tamén se desprazaron senllas patrullas da Policía Local e Nacional.

 

Un home trasladado ao chocar o seu coche sen carné contra unha rotonda en Melide

Un home resultou ferido esta mañá ao chocar o seu coche sen carné contra unha rotonda en Melide. Foi trasladado polos servizos de Urxencias Médicas ao centro médico de referencia. Os feitos tiveron lugar na estrada que une Lugo e Santiago, ao seu paso polo casco urbano da localidade. Un particular alertaba do acontecido ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ao fío das 07:30 horas.

Dende o CAE 112 Galicia informouse, tamén, ós Bombeiros de Arzúa, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple en Vigo
Un accidente de tráfico no que se viron implicados tres vehículos deixa dúas persoas feridas en Vigo. En concreto, o sinistro tivo lugar na Avenida de Madrid.

Unha persoa particular informou da colisión múltiple ao 112 Galicia ás 20:00 horas de onte. Acto seguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vigo. O accidente tamén foi posto en coñecemento de Protección Civil e da Policía Local.

 

Un incendio provoca danos materiais nunha casa de Muros

Un incendio nunha casa de Muros provocou, na tarde de onte, danos materiais no seu interior. Os feitos tiveron lugar na estrada de Trión, no lugar de Creo. Por mor do lume, viuse afectada a cociña e unha habitación do primeiro andar. Ademais derrubouse parte do tellado. No momento do incendio ninguén se atopaba no interior do inmoble. A Garda Civil alertaba ao CAE 112 Galicia ás 20.15 horas.

Decontado, pasouse aviso aos Bombeiros de Cee e o GES de Muros. O lume, que se propagou rapidamente pola estrutura de madeira da vivenda, foi extinguido.

O 112 Galicia informou, tamén, a Urxencias Médicas.

Incendio nunha casa de Redondela
Por outra banda, o CAE 112 Galicia recibía a chamada dun particular, ao redor das 21:00 horas, que alertaba de moito fume e cheiro a queimado nunha vivenda de Redondela. A casa, de tres andares, está situada no lugar de Saramogoso, na parroquia de O Viso.

Dende o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e de Baixo Miño. Ademais informouse á Policía Nacional, Local e Protección Civil.

Finalmente, os axentes da Policía Local confirmaron que ardeu unha habitación na parte superior do inmoble.

facebook twitter instagram