Imaxe escoitar Escoitar

Falece un home ao envorcar o seu coche en Bande

Un accidente de tráfico rexistrado no concello ourensán de Bande sáldase cun home morto e unha muller ferida. O vehículo no que circulaban envorcou. O sinistro tivo lugar na estrada OU-540, á altura de Santa Comba de Bande.

O corpo sen vida do home, e condutor do vehículo, quedou atrapado. Tivo que ser excarcerado polos membros do GES de Muíños. A outra ocupante do coche, a súa dona, resultou ferida de carácter leve. Foi trasladada ao PAC da localidade.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente mortal ás 19:30 horas de onte, a través do aviso do GES de Muíños e de Urxencias Médicas. Dende a central de emerxencias informouse a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Desaparece un mariscador en Vigarcía

Un home duns 53 anos leva desaparecido dende onte, cando se desprazou a Vilagarcía de Arousa para mariscar.

O home, veciño de Vilanova de Arousa, foi en bicicleta ata unha zona marisqueira de Cavaledo. Segundo indicaron os seus familiares ao 112, o home adoitaba mariscar en seco, sen a axuda de ningún tipo de embarcación.

A súa bicicleta foi localizada xa nas inmediacións do porto de Vilagarcía. Tamén foi atopada a súa roupa, nunha lancha que estaba varada no peirao.

Un familiar do desaparecido púxose en contacto co 112 Galicia ás 23:20 horas de onte. Segundo indicou, o home saíu da casa ás 8:00 horas da mañá e agardábase que volvera contra as 15:00 horas. Ademais, engadiu que varios familiares seus xa foran buscalo durante a tarde, sen ningún tipo de resultado.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias puxo en marcha un operativo para localizar o varón. Informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil. Ata a zona mobilizáronse varias dotacións, entre elas, unha embarcación de Salvamento Marítimo e outra da Policía Nacional.

As tarefas de busca, coordinadas pola Garda Civil, retómanse na zona a esta hora. Segundo a información facilitada ao 112, está previsto que no dispositivo participe ao longo desta mañá o helicóptero Helimer 218.

 

Unha persoa intoxicada no incendio dun piso en Salceda

Un incendio nunha vivenda dun edificio de Salceda de Caselas saldouse cunha persoa ferida por inhalación de fume. Os feitos aconteceron no ático dun inmoble de cinco andares, situado na Rúa Arxentina. O 112 tivo constancia deste incidente ao redor das 00:30 desta noite. Segundo lle comunicaron os Bombeiros do Baixo Miño ao CAE 112,  o lume propagouse por tres estancias da vivenda.

Urxencias Médicas informou que a persoa afecta polo fume foi trasladada a un Centro de Saúde con síntomas leves por inhalación. O Centro de Atención ás Emerxencias mantivo contacto tamén ao longo do operativo coa Policía Local e a Garda Civil.

facebook twitter instagram