Imaxe escoitar Escoitar

Un home, excarcerado tras envorcar o turismo no que viaxaba en Pantón

Un home resultou ferido onte despois de que o coche no que circulaba envorcase en Pantón. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Monforte ao quedar atrapada no interior do vehículo.

O accidente ocorreu no lugar de Serode, na LUP-4103, concretamente no punto quilométrico 2. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ao fío das 19:05 horas, a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

Decontado, dende o CIAE pasouse o aviso aos Bombeiros de Monforte e á Garda Civil de Tráfico.

Neno ferido
Por outra banda, unha colisión entre dous coches en Oleiros saldouse a pasada tarde cun neno ferido. Segundo puido saber o 112 Galicia, no choque víronse afectados dous postes do alumeado público, que caeron á estrada.

O sinistro tivo lugar na Avenida da República do Uruguai, á altura do número 27.

Un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sucedido. Indicaba no seu relato que todas as persoas implicadas no accidente atopábanse accesibles.

A partir de aí, o persoal do CIAE puxo a situación en coñecemento da Policía Local, dos Bombeiros de Arteixo, de Protección Civil e da empresa subministradora da electricidade.

 

Un incendio calcina o salón dunha vivenda en Lugo

Un incendio declarado a pasada tarde nunha vivenda en Lugo provocou que ardese por completo o salón da casa, sen que ningunha persoa resultase ferida. Os feitos ocorreron na rúa Illa de Man, á altura do número 4.

O 112 Galicia recibía a alerta do incendio ao fío das 18:30 horas, a través dun particular. Indicaba no seu relato que saía moito fume dunha vivenda.

Nese momento, dende o CIAE informábase dos feitos aos Bombeiros de Lugo, á Policía Local e a Protección Civil.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencias controlaron e sufocaron o lume.

facebook twitter instagram