Escoitar

Falecen dous bañistas nos areais de Panxón e O Vilar

Un home faleceu onte mentres se bañaba na praia da Madorra, en Panxón, na localidade de Nigrán. Pasaban uns minutos das 18:00 horas cando un particular solicitaba ao CAE 112 Galicia unha ambulancia para este areal. Indicaba que acababan de sacar a un home que estaba flotando cara abaixo da auga. De inmediato, persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas e dos socorristas de Nigrán. Ademais, un helicóptero medicalizado tamén se desprazou ao lugar, que, pese aos intentos de reanimación, o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento do bañista. Efectivos do GES e de Protección Civil de Val Miñor e a Policía Local tamén foron informados do suceso. Sobre as 20:45 horas, un helicóptero de Pesca rescataba a outro bañista no areal do Vilar, en Ribeira. O home, foi rescatado da auga e a aeronave trasladouno ao Hospital do Barbanza, aínda que, mailos intentos de reanimación, efectivos do GAEM de Ribeira confirmaron ao 112 Galicia que a persoa faleceu. Segundo relataron as testemuñas que alertaron ao CAE 112 Galicia, a persoa estaba na auga e a corrente o arrastrou. Despois de indicar os particulares que o perderan de vista, pasouse aviso a Salvamento Marítimo que desprazou unha embarcación e un helicóptero, tamén, se alertou a Urxencias Médicas, Policía Local e Nacional, efectivos do GAEM e de Protección Civil. 

 

Liberan a un condutor tras envorcar o vehículo que conducía en Muxía

Un condutor foi excarcerado do interior do vehículo que conducía na AC-440, concretamente, na saída dos Muíños, na localidade de Muxía. Eran as 00:00 horas desta noite, cando un particular chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que había un coche envorcado na cuneta e unha persoa no seu interior, consciente, pero que non se podía mover. De contado, o 112 Galicia pasou aviso aos Bombeiros de Cee e aos efectivos de Protección Civil de Muxía que acudiron ao lugar co equipo de excarceración. Ademais, alertouse a Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada. Unha vez liberado, o ferido foi trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.  

 

Un home e o seu fillo resultaron feridos ao ser atropelados por un turismo en Arteixo

Un adulto e un menor resultaron feridos tras ser atropelados por un turismo que se saíu da vía na Rúa da Praia, na baixada ao cámping de Balcobo, en Arteixo. O suceso tivo lugar sobre as 18:15 horas da tarde pasada. Foi a esa hora cando tras recibir a chamada dun alertante o CAE 112 Galicia, pasou aviso a Urxencias Médicas, aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Finalmente, os membros de Protección Civil de Arteixo confirmaron que tres persoas foran trasladas polo persoal sanitario. 

 

Cinco persoas resultaron feridas en senllos accidentes ocorridos en Fisterra e Nigrán

Unha colisión entre dous vehículos que circulaban pola coñecida recta da Anchoa, á altura do termo municipal de Fisterra, saldouse con catro persoas feridas. Foi un particular quen, ás 21:45 horas de onte alertou ao CAE 112 Galicia que, a partir de aí, pasou aviso a Urxencias Médicas e aos axentes de Tráfico. Así mesmo, informou aos Bombeiros de Cee e ao persoal de Protección Civil de Fisterra. Os Bombeiros confirmaron que dúas ambulancias se trasladaron ao lugar para evacuar aos feridos.  En Nigrán, á mesma hora, outros dous vehículos colidían na Rúa Torreiro, á altura do número 26. Neste caso, unha muller resultou ferida e foi trasladada por Urxencias Médicas ao Hospital Álvaro Cunqueiro. No dispositivo que o 112 Galicia puxo en marcha tras recibir a chamada dun alertante, participaron ademais do persoal sanitario, axentes da Policía Local e os membros do GES e de Protección Civil de Val Miñor.