Imaxe escoitar Escoitar

Axudan a un condutor a saír do interior dun vehículo despois de saírse da vía en Culleredo

Unha persoa resultou ferida tras saírse da vía co vehículo que conducía á altura do termo municipal coruñés de Culleredo. O vehículo, circulaba pola A-6, dirección Madrid, ao redor do punto quilométrico 583, cando se saíu da vía.

Ata o punto, despois de ser alertados polo 112 Galicia acudiron os Bombeiros de Arteixo que, aínda que non tiveron que excarcerar ao condutor ferido, si o axudaron a saír do interior do coche. Segundo matizaron, foi preciso extraer unha das portas do turismo para poder acceder ao ferido.

O accidente tivo lugar ás 05:00 horas desta madrugada. Foi a esa hora, cando un particular alertou ao 112 Galicia que, decontado, pasou aviso ademais de aos Bombeiros, a Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Cambre. Unha vez evacuado o ferido, os Bombeiros procederon á limpeza da vía.

Dous feridos en Carballo  
Por outra banda, sobre a 01:00 horas tamén desta madrugada, o CAE 112 Galicia tivo constancia doutra saída de vía en Carballo. Neste caso, dúas persoas resultaron feridas. Foi o mesmo condutor do turismo quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que se saíra da vía e batera contra o  muro do campo de fútbol da Grela, en Carballo.

A partir de aí, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse aviso a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Carballo. Tamén, solicitouse a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil. Finalmente,  os técnicos sanitarios puideron evacuar aos feridos, descartándose así, a intervención dos Bombeiros.

Menor desorientado
Un turismo que circulaba polo lugar de Ordelles, na parroquia de Chaodarcas, continuou co seu destino despois de atropelar a un menor. Os feitos ocorreron sobre as 20:00 horas da tarde pasada, na localidade ourensá de Pereiro de Aguiar.  Pese a que, o neno non revestía gravidade si se atopaba con problemas de orientación.  Unha vez recibida a alerta da nai do menor, o CAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario, da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos do GES da localidade.

 

Os Bombeiros extinguen un lume nunha palleira en Ordes

Os Bombeiros de Ordes traballaron arreo durante a tarde de onte na extinción dun lume nun pallote, no lugar de Vilagudín, na parroquia de Lesta. Sobre as 19:15 horas da tarde pasada, un alertante informaba ao 112 Galicia do incendio que, decontado, pasou aviso aos Bombeiros. Sobre as 21:00 horas os membros de extinción lograron controlar as lapas, e, ao fío das 02:15 horas desta madrugada daban por finalizadas as tarefas de extinción.

Finalmente, ardeu maquinaria e rolos de herba que había almacenados no pallote e, ademais, viuse afectada a uralita do tellado. Dende o CAE 112 Galicia tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e de Protección  Civil.

Nova intervención en Xunqueira 
Unha vez mais, os servizos de emerxencia interviñeron na casa incendiada o pasado xoves no lugar do Mato, tras reavivarse o lume. A vivenda quedou totalmente calcinada, e, por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

Ás 20:30  horas de onte, o alcalde de Xunqueira, indicaba ao 112 Galicia que, de novo e por segunda vez, as borrallas volveran a prender nas vigas da casa incendiada o pasado xoves. Aseguraba, ademais, que debido ao estado no que quedaron, había risco de derrube, polo que procederon a acordoar a zona. Ata o lugar, desprazáronse os efectivos de Protección Civil de Maceda que, sufocaron novamente  as chamas. O 112 Galicia puxo en coñecemento desta nova intervención á Garda Civil. 

facebook twitter instagram