Imaxe escoitar Escoitar

Evacuado en helicóptero un motorista en Amoeiro (Ourense)

Un helicóptero medicalizado desprazouse onte ata Amoeiro para evacuar a un home que resultou ferido despois de caer da moto que conducía. O accidente ocorreu, ao fío das 18:00 horas da tarde pasada, en Trasalba.

O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 tivo constancia do suceso grazas á chamada dun particular. Indicaba que se acababa de producir un accidente de moto, no que non había coches implicados. A partir de aí, os profesionais do CAE 112 Galicia alertaron de inmediato a Urxencias Médicas, que optaron por mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Do mesmo xeito, solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil e a dos membros de Protección Civil de Amoeiro.  

O ferido foi evacuado polo persoal sanitario na aeronave ata o centro hospitalario de referencia.

Un ferido en Mos
Unha persoa resultou ferida despois de colidir tres turismos que circulaban pola PO-331, á altura de Zamans,  no concello pontevedrés de Mos.

O accidente tivo lugar ás 19:30 horas de onte. Foi a esa hora, cando un particular alertaba ao 112 Galicia que, decontado, pasou aviso a Urxencias Médicas. Tamén, a Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Baixo Miño e os efectivos de Protección Civil da localidade foron informados polo persoal do 112 Galicia. 

 

Un condutor resulta ferido despois de saírse da vía co seu turismo en Betanzos

Un condutor resultou ferido esta madrugada ao saírse da vía co vehículo que conducía. O acompañante que viaxaba no mesmo turismo foi atendido no mesmo punto, polo persoal da ambulancia que se desprazou ata o lugar.

Nada mais recibir a chamada de alerta dun particular, sobre as 02:20 horas desta madrugada, o 112 Galicia requiriu a intervención de Urxencias Médicas e da Garda Civil de Tráfico. Tamén, ata o lugar onde ocorreron os feitos,  achegáronse os Bombeiros e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Finalmente, só o condutor do turismo, precisou ser trasladado en ambulancia polos técnicos sanitarios. 

 

 

 

facebook twitter instagram