Escoitar

Un ferido ao saírse da vía co vehículo que conducía en Carballo

Unha persoa resultou ferida despois de saírse da vía co seu turismo ao paso da localidade coruñesa de Carballo. Á 01:45 horas desta madrugada un particular indicaba ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), que ía circulando pola estrada que enlaza Carballo e a Silva, en Sofán, e atopárase cun vehículo accidentado pero  non vía a ninguén no punto. Outro alertante que tamén chamou ao 112 Galicia para informar do sinistro, case á mesma hora, indicaba que el mesmo, trasladara ao condutor ferido ata ao Centro de Saúde da localidade.

Dende o 112 Galicia, tras recibir a alerta solicitouse decontado, a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e informouse aos Bombeiros de Carballo e aos efectivos de Protección Civil. Ademais, debido aos danos ocasionados na calzada, foi precisa tamén a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Atropelo en Boiro
Por outra banda, sobre as 20:00 horas da tarde pasada, persoal do 061 informaba do atropelo dunha moto a unha moza, á altura do número 185 da Pesqueira en Cabo de Cruz. Indicaban, ademais, que a moto ao atropelar á moza, continuou o seu destino. De inmediato, dende o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil de Boiro.

 

Unha pota esquecida ao lume provoca un incendio na cociña dunha vivenda de Portosín

Unha pota esquecida ao lume, foi a causa que orixinou un incendio nunha vivenda de Portosín, en Goiáns, no concello de Porto do Son. Así o indicaron os Bombeiros de Ribeira tras chegar ao punto indicado.  Por fortuna, non  houbo que lamentar danos persoais, posto que non había ninguén no interior do piso cando se iniciou o lume.

Sobre as 22:30 horas da noite pasada, unha persoa particular poñía en alerta ao 112 Galicia. A partir de aí, dende o CIAE pasouse aviso aos membros de extinción de Ribeira, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil. Ademais, alertouse ao 061- Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Boiro, por si nalgún momento fose precisa a súa intervención.

Finalmente, os efectivos de Protección Civil  conseguiron sufocar as chamas que provocaron que o resto do inmoble quedase afectado polo fume. Aínda así, os Bombeiros de Ribeira continuaron igualmente ata o lugar. Indicaron que arderon unha tarteira, un microondas, os mobles da cociña e a campá extractora.

 

Extinguido un lume que calcinou por completo unha casa abandonada en Ponteareas

Os Bombeiros de Ponteareas extinguiron esta madrugada un lume que arrasou por completo un inmoble abandonado na Rúa dos Ferreiros, en Ponteareas. Eran sobre as 03:00 horas, cando un particular poñía os feitos en coñecemento do 112 Galicia.

Pese a que, ao redor das 05:00 horas o lume quedou totalmente extinguido, os Bombeiros tras ser alertados pola Policía Local, comunicaban ao persoal do CIAE que se desprazaban,novamente ao punto, debido a que lume se reavivara.

Unha vez  arrefriada a zona, indicaron que ao longo do día de hoxe vixiarían o lugar, có fin de evitar que o lume se volva a reproducir.

Ademais dos membros do parque comarcal de Ponteareas, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade tamén participaron no operativo posto en marcha  polo 112 Galicia.