Imaxe escoitar Escoitar

Liberada unha persoa en Maside despois de envorcar o vehículo que conducía

Efectivos de Protección Civil do Carballiño liberaron esta mañá a un condutor que quedou atrapado no interior do vehículo que conducía. O accidente ocorreu na AG-53, na incorporación á AG-54, á altura da localidade ourensá de Maside.

Nada mais recibir a alerta dun particular, pasados uns minutos das 07:30 horas, o 112 Galicia alertou a Urxencias Médicas e aos efectivos de Protección Civil do Carballiño que se desprazaron ata o punto co equipo de excarceración. Tamén se requiriu a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico. 

 

Os bombeiros traballaron arreo en Cospeito para extinguir un lume que calcinou un galpón na súa totalidade

Os bombeiros de Vilalba traballaron arreo durante toda a tarde pasada para extinguir un lume que se iniciou nun galpón. Tratouse dun alpendre situado no lugar de Celeirote, no concello lucense de Cospeito, onde se almacenaban apeiros de labranza e unha gran cantidade de alpacas de herba. Foron  precisamente as alpacas, as que, debido á carga térmica ocasionada retrasaron as tarefas de extinción.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio sobre as 15:00 horas da tarde pasada. Foron varios os particulares que chamaron para pedir axuda. Indicaban, ademais, que había casas ao carón que podían correr risco. Afortunadamente, segundo explicaron os bombeiros, ningunha casa do redor se viu afectada. Iso si, ardeu o galpón por completo e distinta maquinaria agrícola (tractores, remolques, pás) e algunhas das alpacas que tamén había almacenadas. Ademais, a estrutura do alpendre colapsou.

 Ao fío das 20:00 horas, os bombeiros daban por rematadas as tarefas de extinción. Dende o 112 Galicia tras recibir a chamada dos alertantes, de inmediato, ademais de pasar aviso aos profesionais de extinción, solicitou a colaboración da Garda Civil. Do mesmo xeito, informou a persoal do Concello e do servizo provincial de incendios forestais. 

 

Un motorista sáese da vía e bate contra dous vehículos en Cangas

Un motorista resultou ferido en Cangas tras bater contra dous vehículos despois de saírse da vía coa moto que conducía. Os feitos ocorreron pasadas as 20:30 horas da tarde pasada, na Avenida da Coruña, á altura do número 115, en Darbo. Ata o punto, tras ser alertados polo 112 Galicia,  desprazáronse os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos de Protección Civil. Ademais, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 tamén informou aos Bombeiros do Morrazo.

O motorista foi trasladado ao centro de saúde de referencia polo persoal sanitario, que xa tiña constancia do suceso.

Menor atropelado en Vigo
Un menor resultou ferido tras ser atropelado por un turismo en Vigo. O suceso aconteceu na Avenida Florida, á altura do número 36. Dende o 112 Galicia tras recibir o aviso de Urxencias Médicas, pasados uns minutos das 21:15 horas deste domingo, puxo os feitos en coñecemento da Policía Local e de Protección Civil. Os Bombeiros tamén foron informados. 

O ferido foi trasladado polo persoal sanitario. 

 

Arde un ordenador nun centro de discapacitados do Porriño sen causar danos persoais

Un ordenador foi a orixe dun incendio rexistrado no centro de discapacitados  do Polígono de Torneiros, no Porriño. O centro estaba baleiro, polo que afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoas. Ardeu unicamente un ordenador, aínda que o fume, afectou ao resto das instalacións.

Pasados uns minutos das 04:00 horas desta madrugada, un particular indicaba ao 112 Galicia de que saltara a alarma de incendios do centro de discapacitados. A partir de aí, dende o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Baixo Miño, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil do Porriño.  

Fume no PAC de Muros
Unha impresora en chamas provocou que o centro sanitario da localidade se enchera de fume. Ardeu unicamente unha impresora  que, decontado,  foi extinguida polos efectivos do GES de Muros.

Eran case as 04:00 horas desta madrugada cando un enfermeiro do centro pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que o local estaba cheo de fume por mor dalgún aparello que estaba ardendo. De inmediato, pasouse aviso ao GES da localidade e aos Bombeiros de Cee. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Os membros do GES apagaron o lume tras interromper a corrente eléctrica e, finalmente,  procederon a ventilar o inmoble.

 

 

 

 

facebook twitter instagram