Imaxe escoitar Escoitar

Catro persoas feridas nunha colisión en Zas

Unha colisión entre dous vehículos, rexistrada esta noite en Zas, deixa un balance de catro persoas feridas. O sinistro tivo lugar en Baio.

Unha persoa particular alertou do accidente ao 112 Galicia ás 22:50 horas desta noite. Na súa chamada, solicitaba asistencia sanitaria para as vítimas.

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Xallas. Tamén se alertou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Repartidor ferido
Unha hora antes, en Narón, un repartidor de pizzas resultaba ferido tras caer da súa moto. Segundo se lle indicou ao 112, o accidente foi provocado por unha fochanca no pavimento. O accidente produciuse en Santa Icía, na zona da ponte das Torres.

 O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 21:50 horas de onte, a través dun aviso do 061. Pola súa banda, o persoal do CIAE alertou ao SPEIS de Narón, aos Bombeiros de Ferrol, a Protección Civil e á Policía Local.

 

Un incendio nun garaxe obriga ao desaloxo dun edificio de Cambre

Un incendio, declarado esta noite nun garaxe dun edificio de Cambre, obrigou a desaloxar todas as súas vivendas. Os feitos tiveron lugar na Patiña.

A maioría dos veciños abandonaron pola súa conta os seus fogares ao percibir o cheiro a fume en boa parte do inmoble. Os efectivos de emerxencia só tiveron que alertar da situación aos residentes de dous pisos.

Foi unha persoa particular a que alertou do incendio ao 112 Galicia, ás 23:30 horas desta noite. No seu relato, explicou que vía saír fume pola ventilación do garaxe.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros de Arteixo e aos de Betanzos, a Protección Civil e á Policía Local. Tamén se informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aínda que ningunha persoa tivo que ser atendida.

Segundo se lle indicou ao 112, o lume orixinouse nun dos vehículos estacionados no garaxe, que ardeu por completo. As lapas estendéronse a outros coches, pero non danou a estrutura do inmoble. Unha vez normalizada a situación e ventiladas as estancias danadas polo fume, todos os veciños do edificio puideron regresar ás súas vivendas. 

facebook twitter instagram