Morre un home en Foz tras caer co coche ao mar
Un home duns 40 anos faleceu esta madrugada en Foz despois de caer co seu coche ao mar. Os feitos tiveron lugar no peirao da localidade.
Os Bombeiros encargáronse de rescatar o cadáver da vítima. Segundo explicaron ao 112 Galicia, o vehículo quedou completamente mergullado na auga.
A Garda Civil alertaba ao 112 da presenza dun vehículo no mar ás 6:20 horas desta mañá. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias alertouse decontado aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo e a Urxencias Médicas. Tamén se informou a Protección Civil e a Portos de Galicia.
Falece un operario ao precipitarse dende o tellado dunha nave en Lalín
Un obreiro morreu onte ao precipitarse dende unha altura de seis metros en Lalín. O traballador caeu do tellado dunha nave de explotación de gando, situada no lugar de Maceira. Urxencias Médicas informaba ao 112 Galicia do sucedido ás 19:15 horas.
Ata o punto desprazáronse os servizos sanitarios que, ao chegar, constataron a morte do operario.
O Centro de Atención ás Emerxencias del 112 Galicia pasou o aviso á Garda Civil e a Protección Civil.
Unha muller perde a vida ao ser atropelada por un vehículo en Vila de Cruces
Unha muller faleceu onte tras ser atropelada por un turismo en Vila de Cruces. Os feitos ocorreron na estrada que une Vila de Cruces e Lalín, á altura do Camballón. Unha persoa particular alertaba ao CAE 112 Galicia ás 20:30 horas.
Un equipo de Urxencias Médicas, alertado polo 112, achegouse ata o lugar e confirmou o falecemento da muller. Dende o CAE 112 Galicia informouse, tamén, á Garda Civil de Tráfico, ós Bombeiros do Deza, a Protección Civil e ao GES de Lalín.
Arde unha casa por completo en Nigrán
Un incendio rexistrado onte á tarde en Nigrán calcinou por completo unha casa. A vivenda afectada sitúase no lugar da Area Alta, na parroquia de Panxón.
Segundo se lle indicou ao 112, a propiedade estaba deshabitada. O lume iniciouse por causas que polo de agora se descoñecen.
Unha persoa particular alertou ao 112 Galicia ás 19:00 horas de onte. Dende a central de emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros do Baixo Miño e aos de Vigo, ao GES do Val Miñor e a Protección Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento da Garda Civil.
Coches calcinados
Por outra banda, en Tomiño, arderon dous vehículos esta madrugada. O incendio rexistrouse San Bieito. Segundo os datos facilitados ao 112, os coches arderon por completo.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 3:00 horas de hoxe para dar conta do que estaba ocorrendo. Acto seguido, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou aos Bombeiros do Baixo Miño e aos de Vigo, ao GES da Guarda e a Protección Civil. A Garda Civil tamén recibiu a alerta do 112.