Arden tres camións do leite en Outeiro de Rei
Tres camións destinados ao transporte de leite arderon esta noite no concello lucense de Outeiro de Rei. Un particular chamou ao 112 Galicia á 1:45 horas desta madrugada. Segundo asegurou, na contorna dunha empresa láctea situada en Santa Mariña estaban a arder varios vehículos. O persoal do CAE 112 Galicia informou da situación aos Bombeiros de Vilalba e á Garda Civil, que enviaron senllas dotacións ao lugar. Os Bombeiros confirmaron que arderon tres camións. Un deles viuse afectado por completo, mentres que nos outros dous as lapas só afectaron aos depósitos do leite. O lume non afectou ás instalacións da fábrica. A Garda Civil investiga agora as causas que provocaron o incendio. Non se descarta que puidera ser intencionado.
Un traballador ferido ao sufrir unha caída nunha empresa de Mos
Unha persoa quedou ferida leve esta madrugada ao sufrir unha caída dende unha altura mentres estaba a traballar. Aconteceu nunha empresa situada no polígono industrial do concello pontevedrés de Mos. Un particular deu conta do accidente laboral ao 112 Galicia ás 3:15 horas. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informou a Urxencias Médicas, aos efectivos de emerxencias da localidade e á Garda Civil. O operario foi trasladado a un centro sanitario. Por outra banda, no concello ourensán de Lobios, un home resultou ferido onte ao cortarse cunha rebarbadora. O varón estaba a traballar pola súa conta no lugar de San Paio, na parroquia de Araúxo, cando se produciu o accidente. Os GES de Lobios informaron da situación ao 112 Galicia minutos despois das 20:30 horas da pasada tarde. Ata o punto foron mobilizadas dúas ambulancias.