Escoitar

Morre un motorista ao chocar contra un tractor en Mazaricos

Unha motorista faleceu onte á tarde no concello coruñés de Mazaricos. A moto na que circulaba sufriu un impacto contra un tractor, morrendo no acto. O condutor da máquina agrícola saíu ileso. 

O sinistro produciuse na estrada do Val, na parroquia de Chacín. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro contra as 19:30 horas de onte, a través do aviso de Urxencias Médicas. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros de Santa Comba, ao GES de Muros e a Protección Civil. Os feitos tamén foron postos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico. 

Os efectivos sanitarios enviaron unha ambulancia ao lugar dos feitos, pero nada puideron facer por salvarlle a vida ao motorista. 

Colisión entre dúas motos
Ademais, dúas persoas resultaron feridas esta noite en Vigo ao chocar as dúas motos nas que circulaban. O estado dun dos motoristas é grave. 

O sinistro produciuse en Coia, na rúa Padre Seijas. Unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia ás 22:15 horas da pasada noite para explicar o acontecido. O CAE 112 Galicia informou a Urxencias Médicas,  aos Bombeiros de Vigo, á Policía Local e a Protección Civil.

Os dous motoristas foron trasladados en ambulancias a un centro sanitario. 


Unha muller queda ferida ao caer do palco dunha orquestra

A cantante dunha orquestra resultou ferida esta noite en Muxía ao caer dende o escenario. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 5:30 horas desta madrugada. Segundo indicou, a muller quedou inconsciente despois de precipitarse ao chan.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas, que enviou ao lugar unha ambulancia. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. A cantante acabou sendo trasladada na ambulancia a un centro sanitario. 


Retiran o primeiro vagón do tren accidentado no Porriño

Intensa noite de traballo no Porriño. Os efectivos mobilizados retiraron xa o primeiro vagón do tren sinistrado onte. Foi coa axuda duns guindastres, nunha operación que comezaba ao fío das 0:00 horas desta noite e se prolongaba ata esta mañanciña. Nos traballos desta madrugada colaborou un retén do grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias.

As tarefas para a retirada do resto do convoi han continuar ao longo desta mañá.