Imaxe escoitar Escoitar
Un home resultou ferido tras colidir o coche que conducía contra unha árbore en Palas de Rei (Lugo)
Un home resultou ferido na tarde deste Domingo, tras colidir o coche que conducía contra unha árbore cando circulaba pola Estrada que vai dende Palas de Rei a Monterroso, á altura do termo municipal de Palas de Rei. O particular que chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda, indicou que o home non estaba atrapado pero si, inconsciente. Por iso dende o 112 Galicia se pasou aviso a Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Palas de Rei e aos efectivos do GES de Monterroso que confirmaron o traslado do ferido en ambulancia a un centro hospitalario. O accidente tivo lugar ás 18:46 horas da tarde do Domingo.
 
Trasladada ao CHUAC unha muller con queimaduras tras incendiarse a súa vivenda en A Coruña
Unha muller tivo que ser trasladada polos servizos sanitarios de urxencia ao CHUAC para ser atendida de diversas queimaduras sufridas nas mans tras incendiarse a casa donde reside, situada na Praza de Pontevedra, no termo municipal de A Coruña.  Tras o aviso dun particular e asegurar que había no interior da casa unha muller que pedía axuda, o CAE 112 Galicia, de inmediato, alertou aos Bombeiros da Coruña e a Urxencias Médicas e tamén pediu colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local. Finalmente, os Bombeiros confirmaron ademais do traslado da muller,  que o que ardeu foi unha cortiña, unha butaca e unha mesa, posiblemente provocado por unha vela. O incendio tivo lugar ás 22:08 horas de onte.
 
Arden tres coches ao incendiarse un taller en Porto do Son
Un total de tres turismos resultaron completamente calcinados tras producirse un incendio nun taller de chapa e pintura situado na Rúa Goltar, no municipio coruñés de Porto do Son. Tras o aviso dun particular e indicar que podía arder un taller mecánico, o CAE 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo no que participaron os Bombeiros de Ribeira e de Boiro, Garda Civil, Protección Civil de Porto do Son e tamén se informou ao Grumir de Noia. Ademais, foi preciso que os servizos sanitarios de urxencia se desprazasen ao lugar para atender a unha muller que, como consecuencia do incendio entrou en estado de shock. Segundo confirmaron os bombeiros de Boiro, o incendio, iniciouse nun dos seis coches que había no interior do taller. O 112 Galicia recibiu a chamada de alerta á 01:46 horas desta madrugada.

facebook twitter instagram