Escoitar

Unha colisión frontal deixa unha persoa ferida en Zas

Unha persoa resultou ferida  na localidade de Zas despois de colidir frontalmente o vehículo no que viaxaba contra outro que circulaba, á altura da saída de Baio, dirección Coruña, na VG-1.5. Segundo indicaron ao 112 Galicia  testemuñas que presenciaron o accidente, un dos turismos atravesou a mediana e chocou frontalmente contra outro vehículo que circulaba no sentido oposto da circulación.

Un dos alertantes que chamou ao 112 Galicia, sobre as 19:00 horas da tarde pasada,  para pedir axuda  indicaba que un dos condutores podía estar atrapado.

 Así, nada mais recibir o aviso, persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) puxo decontado, en alerta aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Santa Comba e á Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, solicitaron a colaboración dos efectivos de Protección Civil da localidade. Unha vez no punto, os Bombeiros do Xallas confirmaron que non foi preciso o emprego do material de excarceración pero si colaboraron co persoal sanitario na evacuación do ferido.

O CIAE tamén requiriu a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Dous feridos en Mos
En Mos, ao fío das 23:00 horas de onte, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía no Santiaguiño,  xustamente na rotonda dirección Porriño. Aseguraba ademais, que dúas persoas precisaban asistencia sanitaria. Tras o aviso, dende o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do persoal sanitario, de Tráfico e de Protección Civil de Mos. Os Bombeiros de Baixo Miño tamén foron informados.

 

Extinguido por completo o incendio declarado onte nunha casa de Monforte sen causar danos persoais.

Os Bombeiros de Monforte despois de traballar arreo durante toda a tarde pasada, ao fío das 20:30 horas daban por finalizadas as tarefas de extinción. Aínda así, o CIAE sobre as 22:00 horas recibía a chamada dun particular informando de fume nunha vivenda da Rúa Castelao. Os Bombeiros, tras ser alertados polo 112 Galicia desprazáronse de novo ata o punto. Chegados ao lugar, indicaron que saía fume dos escombros pero non había lume. Quedou totalmente extinguido.

Ardeu o baixo e a primeira planta da vivenda na súa totalidade, derrubándose tamén o teito da mesma. Ademais, por fortuna, ningunha persoa resultou afectada. Así mesmo, confirmaron que tampouco houbo fuga de gas na vivenda lindeira.

No dispositivo posto en marcha polo CIAE tras recibir o aviso participaron ademais dos membros do parque comarcal, os axentes da Policía Nacional, Local e os efectivos de Protección Civil. Tamén, se puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias, persoal do Concello e da empresa subministradora do gas.