Imaxe escoitar Escoitar

Evacuado en helicóptero un ciclista despois de ser atropelado por un vehículo en Muros

Un ciclista resultou ferido onte ao ser arroiado por un vehículo no termo municipal coruñés de Muros. O accidente ocorreu no lugar de Creo, na parroquia de Esteiro.

Debido á gravidade do estado do ciclista, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que trasladou ao ferido  ata o centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente a través da alerta dun particular ao fío das 19:00 horas. Indicaba no seu relato que o ciclista estaba accesible pero non se movía.

Nese momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso aos servizos sanitarios, aos efectivos do GES de Muros, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

 

Catro persoas resultan feridas en Cabanas  despois de colidir dous turismos

Un total de catro persoas resultaron feridas ao colidir os dous turismos nos que viaxaban. O accidente ocorreu sobre as 23:30 horas da noite pasada. Foi a esa hora, cando un particular informaba ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos que circulaban pola N-651, á altura do cruce que vai ao casco urbano de Cabanas. Aseguraba, ademais, que os coches entorpecían a circulación.  

A partir de aí, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias e da Garda Civil de Tráfico. Do mesmo  xeito, os profesionais do 112 Galicia solicitaron a colaboración do efectivos de Protección Civil da localidade e do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargaron da limpeza da vía.

Os membros de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia o traslado dos catro feridos polo persoal sanitario ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

Neno ferido
En Brión, pasados uns minutos das 23:00 horas tamén da noite pasada, os servizos sanitarios informaban ao CIAE de dúas persoas feridas, unha delas un menor,  ao saírse da vía o vehículo no que viaxaban. O accidente ocorreu no lugar de Brión de Arriba, xustamente ao pasar a rotonda, dirección A Picaraña, no concello coruñés de Brión.

Nada mais recibir o aviso do persoal sanitario, o 112 Galicia requiriu a intervención dos axentes de Tráfico e dos efectivos do GES da localidade, que confirmaron a evacuación dos dous feridos.

 

Un accidente entre dous coches deixa dous feridos en Vigo e un choque múltiple tres na Coruña

Dúas persoas resultaban feridas ao chocar dous turismos en Vigo, na Rúa de Jacinto Benavente, á altura do Auditorio Mar de Vigo. Neste caso,  foi persoal do  061 quen informou ao CIAE do suceso, sobre as 22:00 horas deste luns.

Decontado, pasouse aviso á Policía Local, Protección Civil e informouse tamén aos Bombeiros da cidade.

Por outra banda, sobre as 20:30 horas, un particular informaba ao CIAE dunha colisión por alcance entre tres coches, na Rúa Juana de Vega, na cidade da Coruña. Tras o aviso, o 112 Galicia informou ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e aos membros de Protección Civil da cidade. Os axentes da Policía Local confirmaron que os dous feridos non parecían revestir gravidade. 

facebook twitter instagram