Desaloxadas dúas vivendas a causa dun incendio que arrasou un bar en Lalín
As forzas de seguridade desaloxaron esta madrugada dúas vivendas tras producirse un incendio nun bar situado na Rúa da Ponte, en Lalín.
Como consecuencia do lume, o baixo sufriu diversos danos materiais de consideración e motivou a evacuación inmediata dos habitantes de dúas vivendas superiores sen que se rexistrasen feridos.
As persoas puideron volver ás súas causas en canto os bombeiros sufocaron o lume e conseguiron ventilar a zona afectada onde se concentrou gran cantidade de fume.
Segundo indicaron os axentes da Garda Civil, o bar quedou seriamente danado pois ardeu unha máquina, desprendéronse os azulexos do teito e rebentou a cristaleira da fachada, entre outros danos. Non obstante, os servizos de extinción descartan que resultase afectada a estrutura.
O CIAE 112 Galicia recibiu a alerta por parte dos axentes da Garda Civil minutos antes das catro desta madrugada. A partir dese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros do Deza e do GES de Lalín. Tamén se informou a Urxencias Médicas, aínda que ningunha persoa resultou ferida.
Incendio nunha palleira
Non foi o único incendio rexistrado en Lalín. Pouco despois das oito da tarde de onte, un lume afectou a unha palleira onde se gardaba un tractor e un turismo, que resultaron completamente calcinados.
Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia para informar do sucedido. A partir de aí, desde o CIAE activouse un operativo no que participaron os Bombeiros do Deza e os membros do GES de Lalín.
Tras a extinción do lume, os servizos de emerxencias permaneceron aínda no lugar para proceder á retirada do material acumulado no interior da palleira, isto é, leña, pacas e outros enseres.
Restablecida a circulación en San Paio (Bergondo) tras a retirada duns cables que entorpecían o tránsito de vehículos e trens
Os servizos de emerxencias de Bergondo traballaron desde as seis desta madrugada na retirada duns cables de telefonía que se desprenderon despois de que un camión tirase un poste na parroquia de Guísamo, en Bergondo. Isto provocou que se interrompese a circulación tanto de vehículos como de trens na zona coñecida como San Paio, onde conflúen unha estrada, que une Guísamo con Guiliade (DP-0810), e a vía férrea.
Arredor das sete desta mañá, a circulación por estrada e vía férrea foi restablecida logo da recollida dos cables e á espera de que os técnicos da compañía telefónica reparen os danos provocados pola colisión dun camión cun poste.
O CIAE 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada dun particular que informou do suceso cando estaban a piques de dar as seis desta madrugada.
Liberado un menor cos dedos atrapados nunha porta en Santiago
Os Bombeiros de Santiago liberaron na tarde de onte a un menor que tiña os dedos atrapados na parte posterior dunha porta. Sucedeu no interior dun domicilio situado na Rúa Pintor Juan Luis e ata alí se desprazaron os profesionais de Urxencias Médicas que foron quen deron o sinal de alarma.
A partir dese momento, os xestores do 112 Galicia avisaron aos bombeiros da cidade, que finalmente liberaron ao cativo.
Os servizos de emerxencias rescatan a un home que caeu nun pozo en Allariz
Os servizos de emerxencias acudiron a pasada tarde ata unha vivenda en Allariz para rescatar a un home que caeu nun pozo duns dez metros de profundidade. Unha vez fóra da escavación, o precipitado foi trasladado a un centro hospitalario ao resultar ferido nun ombreiro.
Os feitos producíronse no lugar da Aira Vella, á altura do número 1. Foi un particular quen contactaba co 112 Galicia ao fío das 18:30 horas para dar conta do ocorrido.
Nese momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Xinzo, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.