Unha rapaza trasladada por inhalación de fume ao arder o forno da súa casa
Unha moza tivo que ser trasladada a un hospital despois de arder o forno da súa vivenda. Os feitos tiveron lugar en Santiago, nunha casa da rúa Ceuta. A rapaza resultou intoxicada por inhalación de fume. Unha persoa particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 00:30 horas desta noite. Os profesionais do CAE 112 Galicia informaron aos Bombeiros de Santiago, que se desprazaron ata o punto. Cando chegaron, o lume do forno xa fora extinguido polos propietarios do inmoble. Os Bombeiros procederon á ventilación da vivenda. Ademais, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Policía Nacional, da Policía Local e de Protección Civil. Urxencias Médicas, pola súa banda, procedeu ao traslado da moza a un centro sanitario. En Vigo, entre tanto, ardeu por completo un salón de peiteado situado na rúa do Areal. Ninguén resultou ferido, aínda que o local quedou completamente calcinado. O fume procedente do incendio afectou a dous edificios, pero os efectivos de emerxencia non tiveron que desaloxar a ningún veciño. Unha persoa telefonaba ao 112 Galicia ás 22:00 horas da pasada noite. Indicaba que vía saír moito fume polas fiestras do establecemento. O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia estableceu comunicación cos Bombeiros de Vigo. Tamén se alertou a Urxencias Médicas, á Policía Local e a Protección Civil.
Unha persoa ferida nunha colisión en Cee
Un accidente non que se viron implicados tres vehículos deixa unha persoa ferida en Cee. Aconteceu en Brens. Un dos vehículos sufriu unha saída de vía e acabou chocando contra outros dous coches, provocando danos nunha vivenda próxima. O condutor do primeiro dos turismos implicados foi o que chamou ao 112 Galicia contra as 3:15 horas desta madrugada. O persoal do CAE 112 Galicia alertou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Cee, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. A persoa ferida foi trasladada a un centro sanitario.
Rescatan un home despois de caer por unhas rochas no río Tea
Os Bombeiros rescataron a pasada tarde un home que caeu por unhas rochas na praia fluvial das Pías, no río Tea, ao seu paso por Ponteareas. Unha persoa particular alertaba dos feitos ao 112 Galicia ás 19:00 horas de onte. Segundo explicou, resultaba moi complicado poder acceder ao lugar no que se atopaba o home ferido. O persoal do CAE 112 Galicia informou aos Bombeiros de Ponteareas, que se desprazaron ao lugar acompañados dunha patrulla da Garda Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento da Policía Local e de Protección Civil. Urxencias Médicas, tamén tras o aviso do 112 Galicia, ofreceulle asistencia sanitaria ao home.