Imaxe escoitar Escoitar

Os psicólogos do GIPCE atenderon durante a noite aos familiares das vítimas da explosión de Redondela

Unha parella, un home e unha muller, faleceron onte en Redondela a causa dunha explosión  producida na casa onde residían. Os expertos investigan o motivo que causou dita explosión e posterior incendio. O inmoble onde ocorreron os feitos -de tres andares e habitados por tres familias- está situado no Camiño do Pousadoiro, en Chapela, no termo municipal de Redondela.

A Xunta puxo a disposición dos familiares das vítimas ós profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (GIPCE) co que colabora habitualmente o CAE 112 Galicia. Os psicólogos acompañaron ás familias das vítimas ata ben entrada a madrugada e permanecen en alerta por se fosen, novamente, requiridos os seus servizos.

A nai e a irmá da muller falecida tamén tiveron que recibir asistencia sanitaria, segundo confirmaron dende Urxencias Médicas que desprazou varias ambulancias ata o lugar. Foron varios particulares que, ao fío das 20:15 horas,  chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Todos indicaban que  escoitaran varios estoupidos e que a casa comezara a arder. Ademais, aseguraban que se escoitaban berros de xente no interior do inmoble.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia, tras recibir a primeira chamada de alerta, activou un operativo, que congregou en Chapela ademais dos medios sanitarios, aos Bombeiros de Vigo e de Baixo Miño, axentes da Policía Nacional e Local e ao persoal do Concello e de Protección Civil de Redondela. Membros da Cruz Vermella e da empresa subministradora do gas tamén ofreceron os seus servizos a través do CAE 112 Galicia.

Pasados uns minutos das 00:30 horas desta madrugada os Bombeiros daban por finalizadas as tarefas de extinción. Ardeu a vivenda na súa totalidade.

 

Tres feridos, un deles atrapado, ao saírse da vía en Cambre

Tres persoas resultaron feridas ao saírse da vía e chocar posteriormente contra un poste de formigón, en Cambre. Un dos ocupantes tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Arteixo ao quedar atrapado no interior do turismo. O accidente ocorreu na DP-1704, na estrada que une Cambre e Barcala.  

Ás 02:15 horas desta madrugada o 112 Galicia recibiu a chamada de varios alertantes que informaban do suceso. Indicaban que un coche chocara contra un muro e había persoas feridas. A partir de aí, pasouse aviso a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Arteixo. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos efectivos de Protección Civil e  da Policía Local que confirmou a existencia dunha persoa atrapada no interior do turismo.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112  Galicia tamén informou ao persoal da compañía eléctrica, tras quedar o poste apoiado  sobre os cables de alumeado público.

Atropelo en Ferrol
Unha muller resultou ferida despois de ser atropelada por un turismo que circulaba á altura da rotonda do Alcampo, en Ferrol.

O suceso tivo lugar a escasos minutos das 20:00 horas deste luns. Foi a esa hora, cando un particular alertou ao 112 Galicia. Indicaba que a muller estaba tirada no chán e que necesitaba asistencia sanitaria.

Así, decontado, requiriuse a intervención de Urxencias Médicas que trasladou á ferida ao Hospital Juan Cardona. Axentes da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil de Ferrol tamén foron informados do suceso polo persoal do 112 Galicia.

 

Trasladadas unha nai e a súa filla con síntomas de intoxicación por fume tras arder a cociña da súa casa en Ferrol

Unha nai e a súa filla foron trasladadas ao Hospital Arquitecto Macide de Ferrol con síntomas de intoxicación -por fume- ao incendiarse a cociña da súa vivenda.

O alertante que chamou ao 112 Galicia, sobre as 00:00 horas desta noite, indicou que prendera lume na vitrocerámica e na campá extractora. As lapas xa foran sufocadas pero estaba a casa chea de fume.

Ata o inmoble, situado na Rúa Poeta Perez Paralle, de Ferrol, desprazáronse os Bombeiros da cidade e a Policía Local, tras ser alertados polo 112 Galicia. O lume unicamente afectou á campá extractora e mobles contiguos.

 

 

 

facebook twitter instagram