Escoitar

Unha colisión múltiple sáldase con dúas mulleres feridas en Mos

Dúas mulleres resultaron feridas leves a pasada tarde nunha colisión na que se viron implicados tres coches en Mos. O accidente tivo lugar no carril de incorporación da A-52 á A-55, sentido Vigo.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 19:00 horas, a través da alerta dunha das mulleres implicadas no accidente.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, ao servizo de mantemento da estrada, aos Bombeiros do Baixo Miño e a Protección Civil.

Accidente múltiple
Por outra banda, en Cabanas, unha colisión entre catro turismos saldouse esta mañá cunha persoa ferida leve. O sinistro produciuse na N-651, concretamente no punto quilométrico 25,400.

Unha das persoas implicadas no accidente contactaba co 112 Galicia ás 7:25 horas para dar conta do ocorrido.

Decontado, dende o CIAE púxose a situación en coñecemento  da Garda Civil de Tráfico, do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros do Eume e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Mugardos.

 

Un matrimonio, ferido ao ser atropelado en Verín

Un matrimonio resultou ferido onte ao ser atropelado nun paso de peóns en Verín. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as dúas de persoas, de avanzada idade, tiveron que ser trasladadas a un centro médico.

Os feitos tiveron lugar na Avenida de Luis Espada, ao redor das 20:10 horas. Nese momento, o 061-Urxencias Sanitarias alertaba do atropelo ao 112 Galicia. Os efectivos sanitarios indicaban que as dúas persoas saíran despedidas.

A partir de aí, dende o CIAE informábase do ocorrido á Policía Local e aos Bombeiros de Verín.