Imaxe escoitar Escoitar

Trasladadas dúas menores ao Clínico de Santiago con síntomas de intoxicación por gas en Lalín  

A mala combustión dunha cheminea é a causa mais probable do traslado de dúas mozas ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Ao redor das 19:30 horas de onte, os servizos sanitarios informaban ao CAE 112 Galicia da existencia de dúas persoas con mareos nun domicilio. Ante a sospeita de que podía tratarse dun escape de gas, decontado, alertouse aos Bombeiros do Deza,  á Garda Civil e aos efectivos do GES e de Protección Civil de Lalín. Un familiar trasladou ás nenas ao centro de saúde da localidade, pero, aínda que aparentemente se atopaban ben, dende alí foron derivadas ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela para un maior recoñecemento. Dende o 112 Galicia tamén se informou á empresa subministradora do gas e aos axentes da Policía Autonómica.  Por outra banda, en Betanzos, esta madrugada un particular alertaba ao CAE 112 Galicia dun incendio nunha casa, na Rúa Saavedra. Segundo indicou, tratábase dunha casa –de tres andares- e deshabitada, que ás veces ocupan os indixentes. Así, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas, dos Bombeiros de Betanzos, da Policía Local e de Protección Civil da localidade. Os efectivos do parque comarcal confirmaron que o lume que se iniciou no primeiro andar, non afectou ao resto dos pisos. Ardeu un colchón, unha cama e unha persiana, o resto da vivenda quedou afectada polo fume. Por fortuna,non houbo que lamentar danos persoais, e, aínda que se descoñecen as causas do incendio, barallan a posibilidade de que unha cabicha puido ser a súa orixe. O CAE 112 Galicia tivo constancia do suceso pasados uns minutos das 05:00 horas de hoxe. 

facebook twitter instagram