Imaxe escoitar Escoitar
Realoxadas as familias tras quedar extinguido o incendio de Sarria no que faleceu unha muller
Catro familias puideron volver ás súas vivendas tras ser desaloxadas na tarde de onte por mor dun incendio no que perdeu a vida unha muller. Ao redor das 19:30 horas de onte, os Bombeiros de Sarria confirmaron que o lume quedara apagado, mais o fume afectaba a tres andares do edificio situado na rúa Matías Lo. Por iso, unha vez que os medios de extinción realizaron as correspondentes medicións e comprobaron que os resultados eran negativos, as familias puideron regresar ás súas casas pasadas as 00:30 horas desta noite. O lume orixinárase na vivenda da falecida que, neses momentos, era a única residente no domicilio. O persoal sanitario indicou como posible causa do falecemento a inhalación de fume. Ás 18:20 horas da tarde de onte, varios particulares contactaron co CAE 112 Galicia. A partir de aí, o persoal do Centro activou un operativo no que participaron, ademais de Urxencias Médicas e os bombeiros, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Sarria.

facebook twitter instagram