Escoitar

Evacúan en helicóptero un neno que caeu por unhas escaleiras en Maside

Un neno resultou ferido a última hora da tarde de onte tras caer por unhas escaleiras. A vítima foi evacuada en helicóptero a un centro hospitalario.

Os feitos tiveron lugar nunha propiedade de Lisancos, na parroquia de Armeses.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 20:00 horas de onte, a través dun aviso de Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios indicaron que estaban a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse á Garda Civil.

 

Excarcerada unha muller en Santiago tras producirse un choque entre dous turismos

Un choque fronto-lateral entre dous vehículos saldouse cunha muller ferida. Ademais, debido ao impacto, a vítima tivo que ser liberada  polos Bombeiros de Santiago ao quedar atrapada no interior do vehículo no que viaxaba.

Ás 21:45 horas da noite pasada, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaban que se acababa de producir un accidente na N-550, á altura do Cuartel da Garda Civil de Sigüeiro, en Santiago de Compostela. Segundo as testemuñas, podía haber xente atrapada no interior dos turismos.

De inmediato, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Santiago. Así mesmo, pasouse aviso á Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Santiago e aos efectivos de Protección Civil. Unha vez liberada, a muller foi evacuada polo persoal sanitario.

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia.

Choque múltiple na Coruña
Unha colisión múltiple rexistrada na Coruña sáldase cunha persoa ferida. No sinistro víronse implicados tres vehículos.

O accidente tivo lugar na rotonda do pavo real, na Ronda de Outeiro. Urxencias Médicas informou do acontecido ao 112 Galicia ás 19:30 horas da pasada tarde.

O persoal da central de emerxencias do 112 puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros da Coruña, de Protección Civil e da Policía Local. 

 

Un escape de gas mobiliza aos servizos de emerxencias en Oleiros

Os servizos de emerxencias atenderon a unha familia debido a un escape de gas na súa vivenda en Oleiros. Unha ambulancia que se desprazara ata o domicilio, situado na rúa de Hábitat, daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 23:45 horas. Indicaban os efectivos sanitarios que lles saltara a alarma de monóxido de carbono do vehículo medicalizado.

Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso aos Bombeiros de Arteixo e a Protección Civil de Oleiros. A dotación, ao chegar, comprobou as medicións, que deron positivas, e pecharon os condutos de gas. Finalmente, os efectivos de Urxencias Médicas atenderon á familia no punto. Ninguén tivo que ser trasladado.

 

A caída da cornixa dun edificio en Moaña afecta a varios vehículos sen causar danos persoais

Varios vehículos víronse afectados pola caída da cornixa dun edificio en Moaña. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. Un particular alertaba ao 112 Galicia ás 23:30 horas.

Nese momento, o persoal do CAE 112 Galicia poñía a situación en coñecemento da Policía Local, dos Bombeiros do Morrazo e da Garda Civil. Por mor do derrubamento, a vía tivo que ser cortada. A dotación do parque comarcal levou a cabo o saneamento da fachada e asegurou a zona.