Escoitar

Un atropelo na Coruña e dous accidentes en Burela e Valdoviño deixan tres persoas feridas

Un accidente en Burela deixou unha persoa ferida. Sobre as 02:00 horas desta madrugada un alertante informou ao 112 Galicia dun choque dun turismo contra un farol na Avenida Arcadio Pardiñas, no termo municipal de Burela.

Tras o aviso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios e dos axentes de Tráfico. Así mesmo, informou do suceso aos Bombeiros de Barreiros e aos efectivos de Protección Civil de Burela e do GES de Cervo que indicaron que, maila que non parecía revestir gravidade, unha ambulancia trasladou ao condutor ata o centro hospitalario de referencia.  

Tamén, media hora antes, sobre a 01:30 horas, persoal sanitario informaba ao CIAE doutro accidente en Valdoviño. Neste caso tratouse dun choque entre dous turismos que circulaban pola estrada de Valdoviño, á altura do Cabezal e tamén unha persoa resultou ferida.

Os profesionais do CIAE informaron á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Narón. Igualmente, foron avisados os Bombeiros de Ferrol e os membros do GES de Mugardos.

Muller atropelada
Na Coruña, unha muller resultou ferida despois de ser atropelada por un turismo que circulaba pola Rúa Primo de Rivera, á altura do Obelisco. Ao fío das 03:30 horas desta madrugada, varios particulares daban conta do acontecido ao 112 Galicia.

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 pasouse aviso ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias e informouse á Policía Local e aos Bombeiros herculinos.

 

Arde un coche en Mos e resulta danado un poste de telefonía

Un coche ardeu case por completo no termo municipal  de Mos. Faltaban uns minutos para as 00:00 horas desta noite, cando un particular daba aviso ao 112 Galicia dun coche ardendo en Tameiga, ao carón do campo de fútbol de Louro.

Decontado, dende o CIAE alertouse aos Bombeiros do Porriño, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Ademais, debido ao incendio, resultaron danados uns cables de telefonía aor estar o turismo estacionado ao carón dun poste telefónico. Por iso, os profesionais do 112 Galicia deron conta do acontecido ao persoal da compañía subministradora de telefonía.

Unha vez rematadas as tarefas de extinción, os Bombeiros indicaron que o coche xa fora retirado e que a estrada quedara totalmente limpa.