Atopan o cadáver dun home nunha finca de Antas de Ulla
As Forzas da Orde investigan as causas do falecemento dun home que apareceu boca a baixo nunha finca na que estivera traballando durante a tarde de onte. Sobre as 02:30 horas desta madrugada, os servizos sanitarios solicitaban ao CAE 112 Galicia a intervención das Forzas da Orde para o lugar de Arcos, na localidade de Antas de Ulla. O alertante, tras poñerse en comunicación co persoal do 112 Galicia indicou que se trataba dun home que, durante a tarde estivera traballando na finca, e, como non regresaba, saíron na súa busca e atopárono boca a baixo na finca, nun lugar de fácil acceso. Ata o lugar, desprazáronse os axentes da Garda Civil que, neste intre, tratan de investigaras causas do falecemento da persoa. Os efectivos do GES de Monterroso tamén se desprazaron ao lugar dos feitos.
Ferido un camioneiro en Ponteareas ao estouparlle unha roda tras incendiarse o camión que manexaba
O condutor dun camión –cargado de téxtil- resultou ferido ao estouparlle unha roda na cara despois de incendiarse o vehículo que conducía. Ao fío da 01:00 horas desta madrugada a Garda Civil e varios particulares informaban ao CAE 112 Galicia do suceso. Indicaban que un camión estaba ardendo na A-52, no punto quilométrico 292, na área de servizo, na localidade de Ponteareas. Tamén, o mesmo condutor chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. El mesmo, solicitou unha ambulancia, posto que, segundo relatou, estoupoulle unha roda na cara e resultou ferido. Así, de inmediato, o CAE 112 Galicia pediu a intervención do persoal sanitario e dos Bombeiros de Ponteareas. Ademais, informouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil, así como, ao persoal do servizo de incendios forestais da provincia, ante o temor de que o lume pasara a un monte próximo. Finalmente, despois de varias horas de traballo, os Bombeiros confirmaron que o lume quedou totalmente extinguido, ardeu a gabarra e o remolque do vehículo por completo. O condutor foi trasladado polo persoal sanitario.