Imaxe escoitar Escoitar

Unha saída de vía no Corredor do Morrazo sáldase con tres persoas feridas leves

Tres persoas precisaron asistencia sanitaria despois de saírse da vía co vehículo no que viaxaban. O accidente ocorreu sobre as 23:00 horas da noite pasada, no termo municipal pontevedrés de Cangas,  cando o vehículo circulaba á altura do punto  quilométrico 1.700 da VG 4.6, na saída de Aldán, dirección Cangas.

Os efectivos de Protección Civil  da localidade que se desprazaron ao punto tras ser alertados polo 112 Galicia, indicaron que os tres feridos non precisaron ser trasladados.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 (CIAE) tamén informou do suceso á Garda Civil de Tráfico, Bombeiros do Morrazo e ao persoal do servizo de mantemento da estrada,  que se encargou da limpeza da vía.

Saída de vía en Boiro
Por outra banda, ás 07:45 horas desta mañá, o CIAE rexistraba outro accidente no termo municipal de Boiro. Un particular alertaba, a esa hora, dunha saída de vía na Rotonda de Espiñeira, na estrada que une as localidades de Boiro e Noia. Indicaba que unha persoa precisaba asistencia sanitaria. Decontado,  o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do persoal sanitario e da Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, informou aos Bombeiros e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os membros de Protección Civil indicaron que o ferido estaba sendo atendido polos técnicos sanitarios. Explicaron ademais, que debido ao impacto, a sinalización da rotonda resultou danada, polo que, dende o CIAE requiriuse a intervención do servizo de mantemento da estrada.

 

Un pequeno lume nun serradoiro de Pocomaco mobiliza os servizos de emerxencia

Os Bombeiros da Coruña extinguiron un pequeno lume nun serradoiro situado no Polígono de Pocomaco, na cidade da Coruña. O lume que se iniciou, ao fío das 07:00 horas de hoxe, preto dunha cinta transportadora quedou totalmente extinguido, e, nada mais se viu afectado. Así o aseguraban os membros de extinción ao persoal do 112 Galicia.

Tras recibir a chamada de alerta de varios particulares, o CIAE puxo en marcha un dispositivo no que participaron ademais dos Bombeiros, a Policía Local e os membros de Protección Civil da Coruña. Tamén, púxose en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias - por se nalgún momento fose precisa a súa intervención- e ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Arde un coche en Vigo
Os Bombeiros apagaron en Vigo as lapas que calcinaron un coche na súa totalidade. Ademais, segundo relataron, o lume afectou a outro coche que había no lugar. O incendio ocorreu na Rúa Rosalía de Castro, ao fío das 23:15 horas de onte.  Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros da cidade despois de ser alertados polo 112 Galicia, ademais, informouse á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. 

facebook twitter instagram