Escoitar
Atopan o cadáver dunha muller flotando no río Oitavén, en Soutomaior
O helicóptero de Salvamento “Pesca1” recuperou esta mañá o corpo dunha muller que apareceu flotando en augas do río Oitavén, en Soutomaior. Ás 09:43 horas de hoxe, os axentes da Garda Civil comunicaron ao CAE 112 Galicia da aparición do cadáver, que debido ao difícil acceso tanto por mar como por terra e á crecida do río, optaron por facer o rescate por aire. Finalmente, unha vez rescatado, a aeronave trasladou o corpo ata o Aeroporto de Peinador onde un médico forense o agardaba. Tras o aviso de alerta da Garda Civil, o Centro de Atención ás Emerxencias puxo en marcha un dispositivo no que participaron os bombeiros do Morrazo e os efectivos de Protección Civil de Soutomaior. Tamén, se informou ao servizo de Gardacostas de Galicia e ao servizo de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente para retrasar a apertura das comportas do encoro de Eiras mentres non terminaban as labores de rescate.
 
Un falecido e un ferido tras colidir frontalmente dous vehículos en Ponteareas
Unha persoa faleceu e outra resultou ferida tras colidir frontalmente dous vehículos que circulaban pola estrada N-120, en O Picoto, á altura do termo municipal de Ponteareas. O particular que chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda ao redor das 08:30 horas deste mércores, indicou que podía haber persoas atrapadas, por iso, de inmediato, se informou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ponteareas, que aínda que se desprazaron ata o lugar do sinistro non chegaron a excarcerar. Ademais, se solicitou a colaboración da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Ponteareas.
 
Un traballador resultou ferido de consideración ao caer dun tellado en Mos
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ata o Hospital Xeral de Vigo a un operario que resultou ferido ao caer dende un tellado da empresa para a que traballaba. O accidente tivo lugar en Louredo, na localidade de Mos. Dende o CAE 112 Galicia tras a alerta dun particular ao fío das 11:30 horas de hoxe, se pasou aviso a Urxencias Médicas, á Garda Civil e ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos que confirmou a gravidade das lesións.
 
Unha persoa resultou ferida tras colidir cinco vehículos en Carballo
Unha persoa resultou ferida de carácter leve nun accidente con cinco coches implicados. O accidente tivo lugar na estrada de Carballo a Santiago, da localidade de Carballo. O CAE 112 Galicia, tivo constancia do suceso grazas á chamada dun particular pasados uns minutos das 09:00 horas desta mañá. Tras a advertencia do alertante, que podía haber persoas atrapadas, o persoal do Centro de Emerxencias de Galicia pasou aviso ademais de Urxencias Médicas, aos efectivos do parque comarcal de Carballo, que aínda que se desprazaron ata o lugar, non tiveron que intervir. Así mesmo, se solicitou a colaboración da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil de Carballo.