Imaxe escoitar Escoitar

Dúas persoas feridas ao esnafrarse un camión contra unha casa en Ramirás

Un camión que transportaba materiais de construción espetouse esta mañá contra unha casa do concello de Ramirás. Dúas persoas resultaron feridas, ambas ocupantes do vehículo. O condutor quedou atrapado no interior do camión, mentres que o seu acompañante puido saír polos seus propios medios. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 11:30 horas desta mañá. O camión circulaba pola OU-531, a estrada que une Celanova con Cortegada, cando sufriu a saída de vía á altura do lugar de Vilavidal, na parroquia de Penosiños. Os profesionais sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense para asistir ás persoas feridas. Ademais, o persoal do CAE 112 Galicia alertou aos Bombeiros de Celanova, que se desprazaron ao punto cun equipo de excarceración. Os profesionais do 112 Galicia tamén deron conta do acontecido á Garda Civil de Tráfico. A esta hora, continúa en marcha o operativo para liberar ao condutor do interior do vehículo. 

facebook twitter instagram