Escuchar

Dúas persoas feridas nunha saída de vía en Quiroga

Unha saída de vía deixa dúas persoas feridas en Quiroga. O sinistro aconteceu na N-120, a estrada que une o municipio con Monforte, á altura das Covas, na parroquia de Augas Mestas.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 9:40 horas desta mañá para alertar do accidente. Explicou que as dúas persoas feridas puideran saír do vehículo polo seu propio pé. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 puxo a situación en coñecemento de Urxencias Médicas, dos Bombeiros de Monforte e do GES de Quiroga. Tamén se alertou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Vehículo envorcado
Outra persoa resultou ferida esta mañá, desta volta no Pino, ao envorcar o coche no que viaxaba. O sinistro rexistrouse na N-547, a vía que vai de Arzúa a Arca, preto do lugar de Burres. Unha persoa particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 11:40 horas desta mañá. Indicaba que no interior do vehículo accidentado había unha persoa atrapada. Os efectivos do 112 Galicia alertaron decontado aos Bombeiros de Arzúa, a Urxencias Médicas e á Garda Civil de Tráfico. Tamén se informou aos Bombeiros de Santiago.

Os Bombeiros arzuáns desprazáronse ao punto cun equipo de excarceración, aínda que finalmente a persoa puido saír do coche polo seu propio pé. A dotación dos Bombeiros tamén procedeu á retirada do vehículo sinistrado.

 

Trasladada unha persoa por inhalación de fume ao arder a cociña da súa casa

Unha persoa foi trasladada esta mañá a un centro sanitario despois de declararse un incendio na cociña da súa vivenda, situada no Carballiño. En concreto, os feitos tiveron lugar nunha casa da rúa Cerca. A persoa foi atendida por inhalación de fume. 

O 112 Galicia tivo constancia do incendio da vivenda ás 8:20 horas desta mañá, a través do aviso dos efectivos de Protección Civil. O persoal do CAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Policía Local e de Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o punto unha ambulancia. O lume afectou unicamente á cociña do inmoble.