Imaxe escoitar Escoitar

Os drons da AXEGA buscan un ancián desaparecido en Chantada

A Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) participa nas tarefas de busca dun septuaxenario desaparecido no concello lucense de Chantada. O paradoiro do ancián, de 76 anos, descoñécese dende onte á mañá, pero non foi ata as 9:20 horas de hoxe cando se lle indicou ao 112 Galicia. A súa familia xa presentou onte unha denuncia no cuartel da Garda Civil en Chantada. De feito, durante este domingo varios membros dese corpo participaron nun primeiro rastrexo, no que se localizaron varias pertenzas do home. A esta hora, a busca céntrase na parroquia da Sariña, entre o encoro dos Peares e o lugar de Pincelo. O dispositivo estase vendo dificultado polas características do terreo, xa que é unha zona escarpada e de acceso complicado. Ademais dos efectivos e avións non tripulados da Axencia Galega de Emerxencias, no operativo está a participar a Policía Local, varios efectivos de Protección Civil e a Garda Civil, cunha unidade de cans de rescate.

facebook twitter instagram