Escuchar

Tres persoas perden a vida nas últimas horas na rede viaria galega

Dúas persoas faleceron esta mañá nunha caída de moto en Cuntis. O vehículo saíuse da vía e acabou debaixo do gardarraíl. O accidente ocorreu na PO-226, antes de Ponte Taboada, pasando Meira.

Debido á gravidade do accidente, Urxencias Médicas mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago. O 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través dun particular ás 11:10 horas.

A partir de aí, dende o CAE 112 Galicia poñíase a situación en coñecemento dos efectivos sanitarios, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.

Falece nunha colisión múltiple
Por outra banda, un choque no que se viron implicados tres vehículos saldouse cunha persoa falecida esta mañá en Lugo. O accidente tivo lugar na N-640, concretamente no punto quilométrico 81.

Varios particulares alertaban do sinistro ao 112 Galicia pasados uns minutos das 8:50 horas. Nese momento, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso a Urxencias Médicas e Garda Civil de Tráfico. O 112 informou do ocorrido, tamén, aos Bombeiros de Vilalba e aos Bombeiros de Lugo.