Escoitar

Cinco persoas feridas en dous accidentes ocorridos en Vigo

En Vigo, unha  persoa resultou ferida ao colidir por alcance tres turismos que circulaban pola Avenida de Castelao, á altura do número 40. Tras recibir a alerta dun particular, sobre as 10:00 horas de hoxe, dende o 112 Galicia pasouse aviso a Urxencias Médicas e á Policía Local. Os Bombeiros da cidade e os efectivos de Protección Civil tamén foron informados.  

Dous menores feridos
Unha hora antes, tamén en Vigo, Urxencias Médicas informaba ao persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112, da colisión entre dous vehículos na Rúa Rodríguez Ledesma. Segundo indicaron, catro persoas precisaron asistencia sanitaria, entre elas, dous menores.  Ata o lugar desprazáronse os axentes da Policía Local, tras ser alertados polo 112 Galicia.

Do mesmo xeito, os Bombeiros da cidade e os efectivos de Protección Civil tamén foron alertados.

 

Un condutor quédase durmido e choca contra outros dous turismos en Culleredo

Tres persoas precisaron asistencia sanitaria ao verse implicados nun accidente múltiple en Culleredo. Segundo informaron os axentes de Tráfico ao 112 Galicia, un dos condutores quedouse durmido ao volante e chocou frontalmente contra outros dous turismos.

Afortunadamente, as tres persoas resultaron feridas de carácter leve.

O accidente ocorreu sobre as 09:00 horas desta mañá na estrada de Almeiras, no concello coruñés de Culleredo. Ata o punto, desprazáronse ademais de Urxencias Médicas, os axentes de Tráfico e da Policía Local. Así mesmo, informouse aos Bombeiros de Arteixo, a Protección Civil e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Cinco feridos leves
Ao fío das 8:20 horas, tres turismos colidían na estrada N-550, en Cerponzóns, Pontevedra. Urxencias Médicas indicou que, aínda que de carácter leve, un total de cinco persoas resultaron feridas.  

Nada mais recibir a chamada de alerta, o 112 Galicia informou  á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros e a Protección Civil. A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia para a limpeza da vía

Choque múltiple en Santiago
En Santiago, sobre as 09:00 horas, un particular alertaba ao 112 Galicia doutro  choque múltiple –tres vehículos implicados- na SC-20, na Ponte da Rocha. Neste caso, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Dende o CAE 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil. 

 

Arden varias estancias dunha vivenda unifamiliar en Ponteareas  

Un incendio calcinou esta mañá varias estancias dunha casa unifamiliar no concello pontevedrés de Ponteareas, situada en Padróns, en Chan da Gándara. Non houbo que lamentar danos persoais, iso si, arderon varias estancias da vivenda e resultou afectado polo fume  e a auga o resto do inmoble.

Pasados uns minutos das 10:30 horas de hoxe, unha veciña alertaba aos servizos de emerxencia. Indicaba que vía saír fume polas fiestras dunha casa. Aseguraba, ademais, que se trataba dunha casa habitada como segunda vivenda, polo que non había ninguén no seu interior.

De inmediato, dende o 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil. Ademais, informouse aos efectivos de Protección Civil e aos Bombeiros do Baixo Miño que tamén se desprazaron ao punto.

Aínda que, o lume xa foi extinguido, nestes intres, os membros de extinción continúan no punto arrefriando a zona.